Dicía Calígula que lle gustaría que o pobo romano tivese unha soa gorxa para poder cortarlla. Pero as cousas non son tan doadas e, ademais, en democracia, non se discute o que decide o pobo. Sería algo así como anular unha votación que non nos gusta e dicir que somos democráticos. Ou que me sancionen por pitar o himno na final da copa do rei e falar de liberdade de expresión. Non.
Ademais, como explicaba Anthony Downs na súa Teoría económica da democracia, os votantes actúan, actuamos, de maneira racional. Outra cousa é que non sempre estean ben informados. Pero claro, para iso faría falla unha televisión. Ou dúas.
Con todo, podemos estar de acordo en que alguén debería reflexionar. O PSOE de Ourense pasou de 20.896 a 10.070 votos, e seguindo as palabras de Barquero, por coherencia e responsabilidade, non debe dimitir, polo menos ata que consiga perder outros 10.000 votos e quedar en 826, que iso si que sería o seu teito. E se chega a ter o apoio dos díscolos, seguro que obterían cinco votos máis, polo menos.
O único comparable ao ímprobo Barquero foi o BNG que, por riba, perdeu a súa representación no concello, o que debe levar, xunto co resto dos resultados dos partidos nacionalistas, a reflexionar e, dende logo, a cambiar de rumbo.
Tamén produce graza ver como Baltar II, que non se presentou ás eleccións, perdeu na provincia máis de vinte mil votos e 6 puntos porcentuais, e presume de apoios, que é como confundir ser democrático con usar twitter para anunciar postos da Deputación. Marabilloso.
Como marabillosa foi a explicación de Doval, de Ourense en Común, para xustificar os seus tres edís: é que a xente os confundiu con Democracia Ourensana. Claro, vai ser iso.
Porque o éxito foi Jácome, que conseguiu multiplicar case por catro os votos e convertirse no segundo partido da cidade por detrás do PP de Jesús Vázquez. Veremos o que fai para ser alcalde… Se non terá que marchar.
Volvendo á teoría da elección racional de Downs, Amartya Sen dixo que os principios do votante racional era os dun imbécil social. Pero non estou de acordo. Os resultados reflexan moi ben o que somos. E non enganan. Con todo, fagamos como en Madrid, e teñamos esperanza.