Reflexión

Calais-detalle

Chegada certa idade, un ten que reflexionar. Reflexionar sobre a vida. Sobre todo, sobre a que nos toca. E pensar. Pensar moito. Valorar se merece a pena facer unhas cousas ou outras. Eu, teño que recoñecelo, necesito reflexionar. Polo menos durante un día. O médico diagnosticoume electoralite idiopática. Unha estraña doenza.

Ten una enfermidade idiopática, dixo o médico, ou sexa, descoñecida. Esa foi a primeira vez que escoitei esa palabra. Que non debemos confundir con idiota, que, aínda que de orixe diferente, significa outra cousa: o que non se ocupa dos asuntos públicos.

E claro, hoxe é vinte e tres de maio, unha data especial. De feito, é o día de véspera e de recollemento, agardando por un dos días máis importantes… Pentecostés. Ese día no que Moisés, Musa para os musulmáns, baixou do monte Sinaí co seu código ético, as táboas da lei. Polo tanto, cando mañá paseedes a iso das doce cerca dun colexio preto dunha igrexa, se vedes colas, non pensedes mal. É só que a xente está agardando para entrar en misa.

Porque este vinte e catro de maio celébrase o descenso. O descenso do espírito santo. Eu imaxino a Moisés, tipo curioso, coa súa barba hipster. Unha mestura de Orson Welles e Fernán Gómez e, coma sempre, enfadado. Que, por certo, agora que se puxo de moda o concepto hipster, a xente esquece que este era un movemento dos anos corenta dos tipos aos que lles gustaba o jazz. Os que se fascinaban escoitando a Charlie Parker, o mítico saxofonista, the bird, e imitaban os negros para ser modernos.

Poida que escoitar a Charlie Parker nos axude a reflexionar, poida que me axude a min a superar esta enfermidade, a electoralite idiopática. Pero non estamos en Grecia, estamos en Ourense, a cidade e a provincia que sempre ten o que se merece. De fondo, soa música de jazz.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s