18 de decembro – Cando a realidade é un síntoma do tempo que vivimos
Volvo de novo, dende a fin do mundo, pasado un tempo, e as cousas seguen exactamente igual que estaban.
Pasado o tempo das homenaxes a Nelson Mandela, do cinismo de moitos que se dedican a machacar aos que queren cambiar as cousas, da desfachatez dos que non moveron un dedo en vida do activista e agora poñen cara de pena coma se lles importase algo.
A realidade é un síntoma do tempo que estamos vivindo, e que Mariano Rajoy estivese en Sudáfrica e ata certo punto emocionado porque a homenaxe se fixo onde España gañou o mundial de fútbol non é nada máis ca iso, o signo dos tempos.
Leo esta mañá no xornal unha entrevista a X. Queipo, que participou na tradución do Ulysses de Joyce ao galego (80 anos despois, non sen tempo), e fico abraiado cando vexo que di tranquilamente que na tradución traballaron catro persoas pero que, en fin, nunca coincidiron todos. Tamén isto é un síntoma do noso sistema cultural, dunha cultura que non lles importa nin a eles mesmos e na que visten de interese de país o que non é máis ca un sinxelo interese persoal.
Recórdame aquela outra historia dun proxecto editorial que eu estimaba, ata ler unhas declaracións nas que dicía que estaba traducindo a Dickens cun tradutor de internet automático e dende unha tradución de Galdós. Recoñecíao abertamente e quedaba tan ancho. Agora cada vez que vexo un libro dese selo editorial que tanto admiraba e que ten nome de animal, xa non sei se debo ou non debo mercalo.
Os tempos. Son os tempos.