Xosé Manuel Pacho

A perplexidade.

Definirse é, case sempre, un problema de perspectiva, que non ten moi boa cura. E eu non teño remedio. Agora xa o sei. Cando creo que son avogado, aparece o escritor, cando creo que son escritor, aparece o profesor, e así sen unha perspectiva lóxica.

Estrañas identidades que se confunden, porque na vida a única certeza é a confusión. Confusión como a que experimentou Melville aquela vez que, entrando nun edificio de oficinas en New York, atopou un oficinista perdido e gardouno nun relato para a posteridade.

Mais como para gañar aos incrédulos seica é preciso acompañar as afirmacións de datos que corroboren a veracidade desta a miña identidade, velaquí vai unha escolma de canto teño feito e que o mundo wikipedia recolle na rede.

IMG_1638

Nado en Ourense en 1974, Xosé Manuel Pacho é escritor, avogado e profesor de Filosofía do Dereito na facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo.


Literatura

Coa súa primeira novela, A choiva do mundo (editorial Galaxia), obtén o Premio Torrente Ballester no ano 2007. Con ela, publicada en español no ano 2012 da man da editorial Funambulista, fixo a súa incursión no mundo literario.

En 2011 a súa obra Paraísos é galardoada co V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico nas súas dúas categorías, a do xurado e a do público.

Xa en 2013 obtén o Premio de Teatro Rafael Dieste cunha obra que escribiu xunto con Zé Paredes. Trátase de Teatro, ou xeitos de cargar unha arma, que fai del o único escritor galego até o momento laureado co Torrente Ballester e o Rafael Dieste.

o mundo do dereito e as ciencias políticas

Licenciado en Dereito (1997) e Ciencias Políticas e da Administración (2013) exerce como avogado dende os 23 anos. Ten colaborado en diferentes proxectos no eido cultural, así como con diversas institucións, como o Consello da Avogacía Galega, a Orde de Advogados de Portugal, a Universidade Autónoma de México, a Universidade Paris III, a Nouvelle Sorbonne, o CEAJ, a Avogacía Española, a Fundación Vicente Risco, e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade do País Vasco, entre as máis relevantes.

Ademais, ten publicado recensións de libros sobre temas vencellados á filosofía política, ao dereito político e á literatura. A súa actividade abrangue tamén colaboracións con prensa escrita, na que ten falado, nomeadamente, de literatura, partidos políticos, política e dereito, temas sobre os que tamén ten ofrecido varias conferencias.

Entre 2000 e 2005 foi director da Revista Xurídica Xeral Controversia, editada polo Colexio de Avogados de Ourense, e na actualidade é membro do Padroado Vicente Risco.

No eido académico ten sido profesor de Teoría Constitucional e Historia do Constitucionalismo na facultade de Dereito da Universidade de Vigo, e de Teoría do Dereito na facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, tamén na Universidade de Vigo, onde na actualidad imparte docencia de Filosofía do Dereito.

Investigación

No eido da investigación publicou varios traballos en campos tan diversos como a Filosofía do Dereito, o Dereito Comparado e o Dereito Administrativo, así como o Dereito Político, o Dereito Civil, a Teoría Literaria e a Etnografía. Merecen especial mención os seus traballos sobre o Senado e a súa reforma (“Aproximación jurídica a las realidades de las segundas cámaras legislativas. Reflexiones para la reforma constitucional del Senado español”, na Revista Vasca de Administración Pública, Vitoria, núm. 70, 2004; “Apuntes en torno a la realidad de las segundas Cámaras en el Constitucionalismo comparado. Entre una cámara de Notables y una cámara de representación territorial”, no Boletín Mexicano de Derecho Comparado, México, núm. 104, 2002), e sobre Frei Martín Sarmiento (“Algunas ideas en el ámbito del derecho privado de Fray Martín Sarmiento”, en Boletín de la Facultad de Derecho de la UNED, Madrid, núm. 14, 1999; “As ideas xurídicas de Frei Martín Sarmiento”, en Controversia, Ourense, núm. 03, 2002).

Foi o ponente-redactor máis novo do III Congreso de Dereito Galego (A Coruña, 2002), cunha ponencia onde por primeira vez na historia do Estado español se pediu a equiparación das unións de feito ao matrimonio.

P.D.: Para parlamentar comigo… xmpacho@yahoo.es.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s