No territorio da memoria

revolucla

Camiñando por Ourense, un pode percibir o valor dunha cidade, ata desta cidade. E se eses paseos acontecen na noite, ademais rescatan unha certa sensación de melancolía que co día a día, e co paso dos anos, todos imos perdendo. E máis hoxe, que como dicía un cartaz, un cartel, en Lisboa, o 25 é revolución.

Podo imaxinar ese día en Portugal. Imaxinar como soaba tranquilamente, ás 22.55 da noite do 24 de abril, na radio E depois do adeus de Paulo de Carvalho, unha fermosa canción de amor, primeiro sinal da revolución. Despois, ás 00.20 todo mudaría, claro, cando en Radio Renascença soou unha canción proscrita do José Afonso, Grândola, Vila morena. E Portugal ergueuse así en armas contra o fascismo e contra o seu destino.

E tento imaxinar Ourense. Ese Ourense esquecido na noite do 24 de abril de 1974, mentres en Chaves ou en Ponte da Lima se escribía a revolución. E imaxinar un home descoñecido cun chapeu saíndo moi tarde de traballar camiño da súa casa solitaria pola rúa de Xoán XXIII. Como Bernardo Soares no Livro do dessasossego. E sentir a cidade silenciosa. Sentir a súa respiración, como se a noite de primavera fose percorrida por un alento frío. Como o que hoxe, nesta mañá, podemos sentir pola cidade. No 1974 ou no 2015. Tanto ten o tempo.

Ou talvez si. A un mes das eleccións municipais, e antes de que os bárbaros ocupen titulares con promesas imposibles, con mentiras, con parvadas, pensemos en nós e na nosa cidade. Aínda que eles non o saiban, pobres políticos ourensáns, non son tan importantes.

E pensemos na historia que ficará para nós, cando eles non estean. Os amigos, a familia, a vida… Transitando durante un segundo polo territorio inesquecible da nosa memoria. Un 25 de abril de 1974, ou de 2015.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s