O meu amigo Ruco di que Ourense é unha cidade que se sobrevive a si mesma. Pero non é certo. Xa nos gustaría. Ourense camiña pola liña da modernidade como os acróbatas, pero ao revés. Ou sexa, un espectáculo.
Aínda que para espectáculo, Ourense en Común. Lonxe fican esas declaracións onde dicían que había que confluír e que a vontade do pobo era sagrada. Agora xa sabemos que a vontade do pobo é sagrada sempre que coincida coa vontade dos que mandan.
A xente escolle a Mosquera nas primarias e, claro, hai amaños. Non importa que se cumpran as normas, os regulamentos e demais parafernalia democrática. Tampouco importan as persoas… Maticemos, sempre que as persoas sexan as que teñan que ser. E Mosquera non define o proxecto, porque ten barba, está claro.
Pero é que en Ourense non sabemos facer as cousas. Había que facer como en Santiago de Compostela, o noso Madrid. Alí a marea é seria, e o proceso foi todo un éxito. Foi un éxito tan grande que se presentou como candidato á alcaldía un alcalde doutro concello. Iso si que é democrático. Martiño Noriega, un señor médico e todo un exemplo para a marea de Ourense. E alcalde co vello BNG, e alcalde con Anova en Teo. E golfiño de Beiras.
Que alguén dirá que parece un pouco raro que en Santiago non se faga público o censo, que non se saiba quen votou. Tamén parece raro que se presente cunha lista pechada incumprindo o regulamento. Pero a ver, unha cousa é falar de democracia participativa e outra que as cousas se despendolen.
Eu creo que Mosquera debería dar un paso adiante. Estudar medicina, empadroarse no concello de Teo, poñer unha gorra, recortar o pelo, e meterse nun partido como Anova. O resto viría despois, porque un non chega a ser Martiño Noriega por arte de birlibirloque. O problema vai ser o de ser golfiño, porque para ser golfiño hai que valer, e Mosquera para iso non vale.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28 de marzo de 2015