A nosa provincia é unha das máis pobres do país. Ourense ten a taxa de actividade máis baixa de España. Ou sexa, que aquí é o lugar onde temos menos xente traballando, en porcentaxe. Ademais, a taxa de paro tamén é das máis altas: máis de trinta mil parados, de xente que quere traballar e non pode.
Por riba, a provincia está vella, e temos máis pensionistas que cotizantes, co que iso supón para o futuro. E para rematar, atopámonos cun Ourense que vai ficando deserto. Abandonado. Cada segundo hai menos nacementos e máis despoboación.
Vivimos nun Ourense terminal. Estatisticamente, o único que se pode facer na provincia é morrer. Os estudos demográficos pregúntanse que vai acontecer co interior de Galiza, con Ourense, con Lugo.
Con todo, isto vén de vello. Xa nun estudo do ano 1983 falábase de que era das últimas provincias en renda per capita, en camas de hospital, en servizos. Non avanzamos ren.
Os políticos levan dende hai trinta, cincuenta anos, un século, sen facer nada. Vivimos nunha crise permanente, nunha estraña distopía que coa última das crises se fixo máis dura, máis complexa.
E aos nosos iluminados só se lles ocorre porlle, por primeira vez, luces ao edificio da Deputación. Ten lóxica. Debe ser o edificio do mundo onde podemos encontrar máis enchufes. Enchufes como mecanismo para non solucionar os problemas, claro. Estaría ben que gastasen o diñeiro do seu peto en ter asesores e choferes, en iluminar o edificio, pero que non gastasen dos nosos impostos, a ver se facían o mesmo. Porque mentres Ourense esmorece, os cartos gástanse en parvadas.
E a pesar disto, eu son optimista. Noutros lugares xa non hai crise, pero vendo como a sociedade ourensá se vai rexenerando, vendo quen vai ocupando os postos de visibilidade pública, nós estamos a punto de saír, porque non se pode caer máis baixo.