Benvidos ao planeta Baltar

B2

O outro día estiven tentado de entrar na Deputación. Ser espabilado e deixarme de lerias, como dicía un amigo. Por iso decidín entrar na Deputación. Ademais, se o pensamos, ser de Ourense e entrar na Deputación é case unha necesidade, un imperativo categórico. Tamén podes entrar na Real Banda de Gaitas, pero para isto precisas algunha capacidade. Para entrar na Deputación, non. E entrei, aínda que só foi porque era unha xornada de portas abertas.

Algúns presidentes pensan que ser demócrata é iso, abrir as portas dos edificios públicos que se herdan de pais a fillos, falar de transparencia e de democracia, e comprar lealdades esquecendo aquilo que contaba Rousseau na súa obra O contrato social. Que se poderá falar de democracia cando ninguén sexa tan rico como para poder comprar ao outro, nin o outro sexa tan pobre como para venderse. Pero aquí temos dous alcaldes que se venden e un político que os compra.

Dan ganas de rir ás gargalladas se isto non fose un termómetro do nivel da nosa democracia. O da alcaldesa de A Bola que antes foi nas listas co BNG e agora vai co PP é normal, xa o seu pai fora alcalde, e as ideoloxías que serven son as que dan de comer como ela sabe. E o do alcalde de Cortegada mellor aínda. Deuse a coñecer desempeñando un cargo de responsabilidade pública, foi comisario na cidade. Nas anteriores fora co PSOE, e agora vai co PP. Se tivese dignidade marcharía, se fose leal coa súa profesión ou coa democracia tamén. Pero non saben, nin queren saber.

A xente poderá votalos pero cando os políticos teñen tan pouca dignidade o que están facendo é roubarnos o futuro. E consentir, permitir e propiciar estas cacicadas só se pode entender dende unha fonda ignorancia e dende un descoñecemento do que é a democracia. Benvidos ao planeta Baltar.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s