Abortos na Alameda

Derecho al aborto_Humor7

No nome do pai e do fillo e do Espírito Santo, amén. Ás veces, para tratar certos temas hai que encomendarse a Deus. A Deus ou a calquera outro obxecto decorativo. Porque o día 21 en Ourense vaise celebrar unha manifestación nun dos lugares míticos da nosa cidade: a Alameda. Esa Alameda onde en tempos estivo a estatua dunha loitadora polos dereitos das mulleres como foi Concepción Arenal.

Agora, como exemplo que deben seguir as leis e os tribunais, está diante do xulgado, como advertencia do camiño que se debe seguir, aínda que moi poucos o sigan. Esa Alameda que nos axuda a lembrar un dos momentos máis importantes da historia deste país, cando case pareciamos modernos, e Mendizábal desamortizou os bens da Igrexa para facelos de todos e prestounos unha fonte de Oseira.

De feito, se eu tivese que facer unha homenaxe á modernidade deste país, encarnada nas leis que fan legal o aborto, escollería a Alameda.

Se cadra alguén se escandalizaría, porque ao fin e ao cabo os que empregan a ideoloxía, a relixión como arma contra os demais andan escocidos pois a Lei permite abortar a quen queira. Estes que miran para outro lado cando lles din que cada segundo morren corenta nenos no mundo. Estes que permiten inxustizas e mortes sen que lles importe a vida, e dan leccións antes de abortar en clínicas privadas onde a moral e a ideoloxía relixiosa se transforma en diñeiro. Como os palacetes dos bispos ou como os que cinicamente o 21 celebrarán a vida. Fixádevos nas súas facianas.

Pero non pasa nada, o aborto está recollido na Biblia, Éxodos 21, 22-25, e non é peor que a historia de Lot, Xénese 19, 30-38. E se o pensamos con humor, o primeiro caso de fecundación in vitro datado é o de Xesús.

Deixemos por tanto que cada un escolla privadamente a moral e a ética que queira cumprir ou non cumprir. E así eu o 21 celebrarei o día do paganismo na Alameda.

*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 13 de setembro de 2014

Deixar un comentario