Calquera ourensán de ben debería estar preocupado. Non polo tempo, que xa estamos afeitos. Tampouco polo concello, que tamén imos criando callo. Senón polo caso Pujol. Si, polo caso Pujol.
Pensemos a historia. Pujol era un político honorable, con familia e con fillos, doutro país, iso si, pero agora descóbrese que cobraba comisións por favores de todo tipo. Un dos fillos de Pujol ademais estaba metido a político, como o seu pai… Algunha coincidencia? Claro, Baltar.
Si que é certo que a diferenza máis importante é que aquí, en Ourense, cunha comisión do tres por cento non che dan nin os bos días, pero é que os cataláns son moi mirados co dos cartos, e nós somos xente espléndida. Bueno, tamén hai outras cativas diferenzas: a Pujol non o condenaron a nove anos por prevaricación ao enchufar a non sei canta xente nin o imputaron no caso Pokemon, como a Baltar.
Pero insisto, calquera ourensán de ben debería estar preocupado. Porque a ver, se a Jordi Pujol e a súa familia os están querendo investigar tanto a Axencia Tributaria como os Tribunais porque se sospeita o das comisións, algún desalmado será capaz de atreverse a pedir que a Axencia Tributaria e os Tribunais de Xustiza investiguen o patrimonio de José Luis Baltar e da súa familia.
E hai máis. A cábala, a ciencia máxica dos números, non engana. A diferenza de idade entre Baltar e Pujol é exactamente de 10 anos e 4 meses. E 104 é a cantidade de enchufados na Deputación pola que foi condenado o primeiro. Pero hai algo peor.
Cando o outro día lin no xornal que o PSOE reclamaba no proceso Baltar unha responsabilidade civil de 696.666 euros, deime conta de que isto non pintaba ben. Porque os tres seis son o signo do Anticristo, como Pujol.
E por iso, calquera ourensán debería estar preocupado, ata Baltar.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 6 de setembro de 2014