O outro día vin como se publicitaba nunha televisión local unha manifestación a prol do aborto na Alameda. E claro, ese día decateime, pobre de min, de que non podía valer todo.
Poucos días despois vin nesa mesma televisión local como o seu dono se facía publicidade como candidato a futuro alcalde de Ourense.
Non debería estrañarme, porque o nivel dos nosos políticos é este, e ademais todos ou case todos visten de intereses colectivos o que non son máis ca intereses persoais. Vaidade, diñeiro, mellorar os seus negocios… Por iso Ourense vai minguando, por iso cada vez nos afastamos máis da modernidade. Porque a xente lle bota moito morro.
Entrementres, tamén uns políticos postúlanse para alcade, e outros tiran a toalla; os menos desígnanse a si mesmos e os máis son escollidos a dedo, como se fixo toda a vida.
E neste contexto atopamos a Democracia Orensana, un colectivo de persoas que aproveitou a mediocridade dos nosos políticos para ir medrando. Hai que recoñecer que entraron no Concello dándolles leccións máis que importantes aos partidos tradicionais, que vivían felices repartíndose a tarta.
Pero Democracia Orensana tamén quere tarta. Sen complexos. Sen ideoloxía. Sen perfil político. Sen nada. Amparados no liberalismo anterior a Roosevelt, o dos partidos conservadores, xustifican e mesturan política e negocio. Isto tampouco é novo, e tal e como funcionan as institucións nos últimos tempos, sería máis do mesmo. Aínda que hai que telo claro, Jácome é á política o que Gallardón ao dereito. Porque daba vergoña comprobar como xustificaban que el se designase a si mesmo para alcalde. Sei que é duro canto digo, pero as cousas son así.
En todo caso, os partidos tradicionais deberían reflexionar. E a cidadanía tamén. Polo ben da democracia, ourensana.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 27 de setembro de 2014