Querido diario, hoxe tiven un soño estraño. Soñei que vivía nun país que era unha cidade e onde só se podían ver dous canais de televisión. Un era Telecinco, onde puñan sucesivamente todos os programas de Sálvame dende a súa primeira emisión, en 2009. E outro era Auria Televisión, un canal onde alternaban entre un inquietante anuncio dunha tenda de instrumentos musicais e os plenos municipais dun concello, exactamente dende que Felipe V promulgara os Decretos de Nova Planta no século XVIII. Así todos os días. Para sempre.
E por riba, nese país, nesa cidade, ía calor, moita calor. Como se vivísemos nun forno. Pegaba tan duro que ata a auga das fontes saía quente. Inexplicablemente, as persoas que ían pola rúa semellaban non se decatar de nada. Como se estivesen idiotizadas ou non puidesen pensar por si mesmas. De feito, no meu soño as persoas eran coma ratos… E nese país de ratos, curiosamente sempre acababan gobernando os gatos. Aínda que os gatos negros adoitaban gañar as eleccións, por veces tamén gañaban os partidos dos gatos brancos ou dos verdes. E os partidos dos gatos cobrábanlle aos ratos dedicacións exclusivas, parciais e asistencia a plenos. Pero no meu soño ninguén se preguntaba por que os ratos non votaban partidos de ratos. Cando pasaba isto, como na historia de Tommy Douglas, formábase un lío e as cousas mudaban un chisco para poder seguir igual.
E espertei sobresaltado. Mirei o calendario e vin que hoxe era 11 de xullo de 2015, o día de San Bieito e que non se paraba coa calor. Prestei atención e escoitei unha música absurdamente rimbombante… Era o himno de Ourense. De fondo, podíase escoitar o miañar, o maullar dos gatos que, tamén tontamente, non deixaban de repetir Ourensanía! Ourensanía! Mentres a nosa cidade afogaba nun pozo para sempre sen que ninguén entendese por que.