As aventuras de Hernández & Fernández

Image

Vivimos tempos estraños. Os xornais testemuñan sucedidos tan inverosímiles e tan tristes que un, por veces, non sabe se merece a pena saír de casa. Á fin, estamos en crise, e por riba ata nos gañan os alemáns no deporte, algo que semella ser para algúns tan terrible como pagar máis polos medicamentos.

A pesar de tanto fatalismo, un consegue convencerse, para facelo, se facelo, e sae á rúa a tomar unha cervexa. Mesmo algo peor, un refresco. E nos Viños descobre que cada vez hai menos parroquianos, aínda que as cousas seguen sendo igual de caras. Nalgo nos temos que parecer aos sitios grandes, polo menos, no prezo das consumicións.

E cando estás felizmente acobadado na barra dun bar calquera, unha cantinela atrápate: a crise e as medidas do Goberno. Por moito que tentes escapar, xa estás nunha conversa sobre isto ou a prima de risco. Porque agora xa non se fala do tempo nos ascensores, agora fálase da crise, e do que virá, tan terrible como non gañar o mundial.

Afortunadamente sempre hai un Goberno, o de turno, que tomará medidas. Xa o contaba Esteves Cardoso, tomar medidas é para os políticos coma tomar té. Unha mañá érguense graciosos e deciden tomar medidas. Outros días prefiren tomar té… Abraiante.

E abraiante foi ver na televisión a entrevista a Baltar Jr. explicando as cousas da Deputación, que case quedei preocupado por se decidía tomar medidas contra o seu pai. Despois, tampouco estivo nada mal ler o que dixo Fernández, Agustín, de que se tiraría ao inferno por unha concelleira. Digan o que digan, soou raro.

Se cadra só teñamos que mudar a perspectiva e imaxinarnos os nosos políticos como aqueles detectives que se fixeron populares nos comics de Tintín. Hernández & Fernández. E xa é cousa de que cada un imaxine quen é quen. Entrementres, tentaremos que a realidade non nos leve por diante.

(artigo publicado en La Voz de Galicia – 27 de abril de 2013)

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s