A política é unha actividade que debería engrandecer á nosa sociedade. Acontece que, nos últimos anos, un ten a sensación qu vai ser verdade aquilo que dixo Lord Acton de que o poder corrompe, e o poder absoluto corrompe absolutamente, pero recoñezámos que non estamos no século XIX, nin isto é Londres. E esa reflexión lembroume a outra que fixera súa un ilustre ourensán, Claudio Movilla, aquelo de que a xustiza é un cachondeo. Pero claro tampouco estamos nos oitenta, nin isto é Sevilla.
Estamos en Ourense e seguro que nesta nosa xeografía as cousas son diferentes. Si, aínda que a realidade se empeñe en levarnos a contraria.
Ademais chegan as eleccións Autonómicas e podemos presumir que dous candidatos á Xunta de Galicia son de Ourense, aínda que curiosamente un se presenta por Pontevedra, Feijoo, e outro por Ourense, Pachi. Antes os candidatos que se presentaban á presidencia de Xunta facíano pola provincia da Coruña, algo bastante lóxico, o contrario sería como que os candidatos a Presidentes do Goberno se presentasen por Llleida e non por Madrid. Pero as tradicións democráticas na nosa xeografía aínda teñen que asentar bastante, aínda que coido que en medio século nos equipararemos.
Temos tamén un Conde veciño de Ourense que gustou moito das nosas latitudes e que vai por Pontevedra. E temos Alcaldes que se presentan a deputados, e Senadores que se presentan a deputados, e Conselleiros que se presentan a deputados.
Si, e Deputados que se presentan a deputados. Situación esta última que resolvería a cuestíon de que para que serven os deputados, imaxino que nunha segunda lexislatura xa se poderá aprende.
Isto é o que se nos ven enriba, e falaremos e falaremos dun quítame aquí un candidato. Entrementres o tempo seguirá pasando pola nosa provincia empobrecida e en quebra dende hai tempo. Pero isto a quen lle importa? Isto é Ourense, mon amour.