Ourense 4G

C26

Parece que con cobertura 4G, con himno e vendo a BBC por un canal local, non podemos pedir máis. Poida que se fixese menos calor seriamos máis felices. Pero se en Ourense somos tan revirados é xustamente pola calor. E sería unha mágoa deixar de selo.

Pola calor e por unha sensación de insularidade que dende Madrid e dende Santiago levan moito tempo cultivando. Somos transparentes para o resto do mundo. E así foi coa ditadura e coa democracia.

Mentres se queime Ourense, ou Lugo, tanto ten. O problema é que en Santiago arda un monte, ou que non chegue o AVE. Entón si, hai que tomar medidas. Que a provincia sufra despoboación e que a xente teña que emigrar, non é tan importante. Ata que emigran en Madrid.

E é curioso que sendo a terceira cidade en poboación a ninguén lle importe. O que acaba de pasar cos exames teóricos no Barco de Valdeorras é un exemplo máis. E a xente é tan obtusa que non é quen de ver que se o Estado non é sensible con isto acabaremos sufrindo todos as consecuencias.

Entrementres, pasan pola Xunta ourensáns ilustres, perdón, ourensáns, como Anxo Quintana ou Alberto Núñez e non fan nada pola súa terra. E Ourense esmorece e a cidadanía degrádase, e os políticos, que son un reflexo da cidadanía, tamén.

E isto lévame a Jácome e ás súas palabras dicindo que meterlle medo a un político é facerlle dano á democracia. Efectivamente, e insultar a un político, e comportarse como se comportan nos plenos do concello. Denigran á cidadanía e á democracia. Agardemos que despois disto, aprenda. E con el, outros.

A sensación que me queda é a desa canción do admirado Javier Krahe. Me gustas democracia porque estás como ausente, con tu disfraz parlamentario… Pero polo menos temos 4G, aínda que non sirva para case nada.