A cociña está de moda. Nos últimos tempos, os que se queren chamar modernos, ademais de levar barbas propias dun bo musulmán e iPads e calzado New Balance, tamén saben de cociña.
O caso é que rara é a conversa na que estes homes e mulleres modernos, estes lunners non aproveitan para falar de onde se pode tomar o mellor steak tartar, ou onde conseguen o mellor punto de cocción do peixe, mentres sosteñen nunha man, sen sabelo, unha copa de viño branco dalgunha das nosas denominacións de orixe.
E dende que no ano 2012 Dani e Julio abriron en Ourense o restaurante Nova, semella que a cidade está de novo presente no mapa culinario. A confirmación foi a consecución hai semanas dunha estrela Michelín para ser un dos doce restaurantes galegos con esta distinción.
Ourense só tivera antes dous restaurantes con estrela Michelín. O restaurante San Miguel e a Rexidora. Nova é o terceiro. Algúns outros presumiron e presumen de estrela, pero as guías din o que din. O San Miguel era un clásico da nosa cidade e a súa comida foi unha referencia, pero foi coa Rexidora coa que Ourense competiu durante un tempo coas mellores cociñas do país. Javier González trouxo a modernidade case sen que ninguén se decatase.
Neste contexto agora aparece Nova, tentando facer unha proposta singular, diferente, apostando por unha cociña razoablemente moderna e radicalmente fresca. Coido que Dani, Julio e o seu equipo saben que teñen que ser prudentes para non deixarse levar polo éxito, porque este pode ser tan perverso como o máis sonoro dos fracasos. Non estaría mal imaxinar que algún día cheguen ao nivel de O culler de pau ou de Aponiente.
Así que durante un momento esquezamos a caixa b do PP de Baltar, as acusacións do seu ex-xerente e as imputacións de Aurea Soto. Durante un momento brindemos pola nova cociña, a cociña da Nova, e polo seu futuro. E tamén por unha nova Cuba libre.