Limiar para unha novela

D8

En Construción é unha novela que escribín durante tres semanas intensivas no mes de agosto de 2013. O único que fixen foi comer, durmir e escribir compulsivamente.

Levaba un par de anos dándolle voltas a esta idea, a de escribir unha novela circular, que puidese ser lida onde o principio levase ao fin e o fin ao principio. Son consciente de que é unha novela que non se parece a nada e que está escrita dende o canon dunha persoa que escribe no ano 2013 un texto literario.

Era consciente de que no sistema literario onde me movo, e ao que non penso renunciar, a diferenza doutros escritores, tentar que entendesen esta novela era como falarlle en sánscrito a un poni. Noutras palabras, cando no sistema literario galego se considera moderno o que se facía hai setenta anos no resto do mundo, estamos jodidos.

Pero como case todo o que acontece en Galiza, a ninguén lle importa mentres uns e outros, os de aquí e os de alí, poidan mirarse no espello e dicirse que bos son, aínda que isto implique que a cultura do noso país e o noso futuro morra.

Era consciente e son consciente tamén agora de que, no meu sistema literario,

as miñas referencias son inintelixibles, porque Galiza é unha sociedade que prefire imitar e non pensar. Con excepcións, claro está. Un país onde na cultura, en todas as súas expresións, vístense de intereses de país o que non son máis que miserables intereses persoais.

En fin, isto debe de ser a vida.

A saúde da nosa cultura é precaria, aínda que mellor que noutros tempos, e iso vese nos seus textos, nos textos que se publican e na miseria moral que se ten estendido e que experimentei eu persoalmente en numerosas ocasións. Dende ver como no Premio Dieste de teatro, distribución que fai a editorial Galaxia, decide esta editora distribuir só 30 exemplares para toda Galicia para que

non compita cos textos de teatro que eles publican. Ata atoparme con que no premio de novela por entregas de La Voz de Galicia Fran Alonso, director editorial de edicións Xerais, encargada da edición do premio, era finalista e despois, claro, gañador. E comprobar como aos membros do xurado, que, abofé, editan en Xerais non se lles cae a cara de vergoña… E moitas máis miserias e mentiras e traizóns que non vén ao caso contar, pero que te decepcionan e que reflicten a situación actual de crise que sufrimos.

Pero volvendo á novela, presenteina a un par de premios onde experimentei a decepción de ver como a ignorancia de quen non se sabe ignorante mesturábase con envexas diversas que acaban coa literatura. Pero isto sempre foi así. En todo caso, que xulgue cadaquén.

Como dicía Quevedo, que xa citara no final dunha obra de teatro que escribín e que se publicou hai pouco, que cadaquén pense o que queira, porque eu nesta novela fago e escribo tamén o que me peta…

Gustaríame publicala en galego, pero non teño ganas de andar pedindo como un esmoleiro para máis gloria desta panda de indocumentados e ignorantes que forman, con excepcións, o mundo editorial galego. Se alguén se quere excluír deste grupo, xa sabe, que o faga.

Traducíronme a novela a español porque tiña idea de tentar publicala en editoriais españolas, pero agora dame pereza andar buscando. Estou tentando rematar unha complexa investigación xurídica, e entre a universidade e a avogacía non teño tempo, nin, sobre todo, ganas.

Aquí queda esta novela, que publicarei por capítulos e en español. Por que en español? Substancialmente, porque me peta e porque estou farto. Seguirei escribindo en galego porque é a miña forma de estar no mundo.

Agardo que vos guste, sabendo que as novelas experimentais, as boas e as malas, son de dixestión difícil. Agardo que esta sexa das primeiras.

Xosé Manuel Pacho

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s