Esta é unha columna con música de fondo. Soa Bob Dylan con vinte e cinco anos, cantando co seu xesto serio The times they are a-changin, os tempos están cambiando. Entrementres, na nosa cidade nunha mañá de verán a calor abafante danos un pequeno descanso. Ideal para pensar. Aproveitando que non hai fútbol e que podemos utilizar a cabeza para algo máis que para rematar corners.
Mentres segue soando a música de Dylan, lembro que din as previsións que sairemos da crise en doce anos. Algo que me parece moi optimista porque eu creo que tardaremos moito moito máis, aínda que os tempos estean cambiando. O meu amigo Suso comentaba que, tal e como son as cousas, tentalo non serve de nada. Claro, non a nós, pero si á seguinte xeración.
Con cada alcalde do PP que se baixe o soldo máis dun cinco por cento na provincia gañaremos un ano. Cun presidente da deputación que se baixe o soldo e que renuncie a asesores absurdos pagados con diñeiro público, outro máis. Con cada concelleiro do PSOE que siga en política e renuncie a cobrar dedicacións parciais, menos anos de crise. Con cada representante de Ourense en Común que por respecto aos cidadáns só cobre a asistencia a plenos sairemos antes. Con cada funcionario que se responsabilice do seu traballo, con cada un de nós…
Como di a canción, se non podemos botar unha man, é mellor que nos apartemos. A liña xa está trazada, o camiño xa está marcado. O noso tempo é a nosa revolución, porque os tempos están cambiando. Agora que se reparten a pasta podemos tentar que a sociedade non se faga trampas a si mesma.
A música segue soando, mentres no edificio de en fronte escoito berrar uns nenos ao ritmo dunha televisión a todo volume. Non, os tempos, infelizmente, non cambian e haberá que agardar outros doce anos. Mentres a canción de Dylan soa ata a palabra derradeira.