Cen días son moitos días. Ou, se cadra, son poucos días. Segundo se mire. Pero despois das eleccións de maio podemos agardar cen días para ver que fan os nosos políticos. A expectación máis grande segue sendo a de Jesús, Vázquez I, aínda que me dá a min que en menos de cen días Vázquez II, Barquero, tamén vai dar sorpresas, como Jácome e como a minimarea.
En menos de cen días Picasso pensou e pintou o Guernica. E Mozart compuxo moitas das súas óperas nese tempo, e algunhas ata simultaneamente. E que dicir dos escritores? Dostoievski escribiu a súa novela O xogador en tres semanas, pero claro, tiña que pagar unhas débedas de xogo. O diñeiro ten feito un gran favor á arte, porque esta foi a razón de que G. Greene ou Hemingway ou Faulkner escribisen tan rápido. Pero tamén en menos de cen días se poden facer guerras. E aquí hai tantos exemplos que mellor será coller o mellor de todos: a guerra dos seis días de Israel contra o mundo árabe, onde morreron 23.800 persoas. 800 xudeos e 23.000 árabes foron reducidos a cinzas. Pero quedade tranquilos, isto non é humor negro, isto foi a realidade.
Así visto, que os nosos políticos ourensáns non vaian cumprir en 100 días ata non ten por que ser tan malo. Ademais, xa se puxeron todos co importante. Dende Barquero a Doval e as mareas, dende Vázquez ata Jácome: que canto se cobra e como se cobra. Alguén pode pensar que é isto o único que lles interesa, que seguro que non, claro, seguro que queren arreglar o de como se reparten o diñeiro para despois, se queda algo, pois ver que se pode facer.
Mentres vou mercar palomitas, ou como lle din os portugueses pipocas, para os plenos do concello e da deputación agardarei cen días. Se Ourense leva agardando por bos políticos cen anos, tanto ten. Entrementres que non nos quiten o humor, aínda que sexa negro.