‘Sunset Boulevard’, ou o caso dun cacique

1404133573215

Sunset Boulevard foi unha película dirixida por Billy Wilder, estreada en 1950 e coñecida no noso país como El crepúsculo de los dioses. Nela cóntase a historia dunha antigua estrela de cine, Norma Desmond, e dos seus soños de éxito e dun recoñecemento que había moito tempo que perdera. A película xoga coas nosas miserias e nela podemos atopar todo o que define para ben e para mal a condición humana.

E nesta semana que saíu a confirmación da Sentencia pola que condenaban a Baltar Senior a 9 anos de inhabilitación por prevaricar na contratación de máis de 100 persoas eu, non sei por que, recordei esta película.

O caso Baltar encarna unha época e un xeito de facer política, e por suposto define tamén moi ben a condición humana. Produce unha estraña fascinación esa soidade que rodea o fracaso, que no caso de Baltar ademais leva engadida a traizón. A traizón de moitos que, sendo enchufados por el, coñecendo e participando dun xeito de facer política propio do século XIX, beneficiándose de actitudes antidemocráticas, declararon contra el no xulgado.

Tamén produce fascinación comprobar como se pode condenar por prevaricar, sen condenar por falsedade documental e por malversación. Por suposto non ten que pagar indemnización. Iso sería crer que a xustiza é xusta. Pero a xustiza actual é demasiado miope como para decatarse de que se está deslexitimando, de que se está, metaforicamente, disparando nun pé. Como a nosa sociedade.

Despois, claro, os compañeiros de viaxe de Baltar polo camiño da prevaricación póñense de perfil. Os que se beneficiaron directa ou indirectamente. Moitos seguen en política como se nada pasase, e nada pasa.

A sorte que tivo Baltar foi que non se lle ocorreu coller as cartas dos enchufados, porque entón pasaríalle como ao que roubou o Códice, e condenaríano a 190 anos de prisión, porque iso si que é grave.

Entrementres nós como no final de Sunset Boulevard, somos Baltar mirando a cámara, ata que a súa imaxe se volve borrosa e a nosa sociedade, Ourense, se funde a negro.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s