Estimado candidato de DO, vouche escribir unha carta… Vale, perdón. Nunca fun de escribir cartas. Será pola idade, pero como moito, escribo postais. Afortunadamente, grazas ao whatsapp agora xa nin teño que levar o traballo. Pero hoxe farei unha excepción e escribireina admirado.
Primeiro, pola súa humildade. Jácome é tan humilde que non necesita nin programa electoral. A pesar de todo, xa explicou que vai facer un programa político, e non dixo que ía ser o mellor programa do mundo mundial; sinxelamente, vaticinou que sería o mellor de todos os tempos para Ourense.
Tamén pola súa sinceridade. Por recoñecer que non é de Podemos, que era unha das grandes dúbidas que tiñamos os ourensáns. Esa, e a de saber como lle crece o pelo ao Santo Cristo da Catedral. Hai algún malpensado que di que Jácome é do PP, pero se en Ourense non é do PP nin Baltar, como o vai ser el? Quen pode pensar que lle daría a Alcaldía?
E que poderiamos dicir da súa xenerosidade… Jácome, que ten un modestísimo local onde traballa, o diñeiro que gaña con Democracia Ourensana gástao en comprar espazo televisivo nunha televisión. Para que despois digan que non apoia o comercio local. El, xeneroso, polo ben dos ourensáns, contrátase a si mesmo.
Pero o que máis me gusta de Jácome é que fala claro. Non engana coma outros. Cando se presentou de candidato explicou que el ía ser o candidato, e que non ían andar con trapalladas de primarias e esas cousas. Despois, cando marchou a súa compañeira edil, dixo que as ideas están por riba das persoas. Normal, sobre todo cando a única idea é chegar a alcalde.
E o curioso é que ás veces ten razón, e ata ten graza. Como Groucho Marx, pero sen bigote. Por iso merece unha postal. E ata unha carta. Por suposto, como todos os políticos que coñezo encaixa marabillosamente a crítica. Ou non?