Se Blanco Amor falase

Disparates

Ourense é unha cidade que vive agochada de si mesma. E por veces anda un tanto despistada. Desesperada, desencantada, desencamiñada. Aquí, as primarias dos partidos conseguen ser o contrario do que se persegue no resto do mundo. Aquí, a transparencia da que presumen os políticos é sinónimo de escurantismo, e a democracia, a festa dos caciques.

En Ourense non precisamos ningún comercio coma ese que había na rúa Álvarez Gato en Madrid, no que se deformaba a realidade ata convertirse nun esperpento. En Ourense non precisamos espellos, porque algunhas rúas, e os persoeiros que parecen personaxes, e os aires e esta choiva mansa semellan esperpentos.

Se cadra é que eu non sei ollar e percibo o meu contorno con esa distancia da que falara Valle-Inclán. Cando uns enchen a boca falando de festivais exitosos, de actos culturais, eu só percibo ruído de fondo, e moita, moita mediocridade. Cando outros falan de arte e de literatura con esa pedantería propia dos que non saben de nada, eu só consigo chegar á convicción de que hai moita tontería. E penso no pobre Blanco Amor.

Contábame Ruco Lezcano como interviña nos debates sobre cine, recén chegado de América, e sendo, aínda que nos pareza incrible, un perfecto descoñecido. Contábame Nemesio Barxa as súas conversas con Blanco Amor, quen o chamaba padriño porque foi dos poucos que o axudou cando era por diversas razóns maioritariamente marxinado.

Podo imaxinarme o que riría Blanco Amor se vise a estrea e a adaptación cinematográfica de A esmorga. E máis aínda, se recoñecese algúns dos que andan detrás das súas homenaxes. Imaxino a súa estraña sensación, mesturada cunha certa dose de indignación e de tristura.

Pero Blanco Amor morreu nun taxi e todo iso xa o sabía. E para sorte dalgúns, e para a nosa desgraza, o que teñen os mortos é que non falan.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s