(O)Uff

melies1

Estamos de noraboa. O Festival de Cine Internacional de Ourense é un exemplo fantástico da saúde da nosa cultura e do noso cine. Tamén da nosa política.

O afortunado espectador que acudise á súa inauguración e á estrea da película baseada na novela de Blanco Amor, A esmorga, pode dar fe de que a nosa cidade aposta polo realmente importante e por fin esquece esas chorradas que buscan os amantes do cine.

Gustoume ademais que un festival deste nivel comezase con algo que ata o de agora non se vira en ningún festival no mundo: media ducia de anuncios de empresas privadas. Un claro homenaxe á televisión, obviamente. Porque aínda que o festival se faga con diñeiro público, con infraestruturas públicas e con empregados públicos, é normal ser agradecidos.

Dirixiu o espectáculo, porque foi un espectáculo, Teté Delgado, que para quen non a coñeza é actriz. Teté é ao cine o que Rita Barberá á política. Ou sexa, un espectáculo.

Tamén estivo moi ben un grupo musical que amenizou a gala, e que con iso de que é un festival internacional cantou en inglés. Imitaban sospeitosamente a Glen Hansard e Markéta Irglová, músicos que se consagraron cun gran filme, Once. Aínda que me custe imaxinar a Glen e a Markéta cantando en galego en Dublín. Pero será que non son moderno.

O que se notou é que estaba o máis granado da sociedade ourensá. Non botei de menos a ninguén. Había máis políticos ca nun pleno do Concello.

E despois falou Carlos Bardem. Cautivou coa súa humildade ao dicir que non era merecedor do premio, cando todo o mundo sabe que é recoñecido como escritor.

O único pero que se lle pode poñer á gala é que o noso alcalde non tivese máis presenza no acto. Aínda así, tivo tempo para dicir que Ocho apellidos vascos era unha das grandes películas do cine español, esquecendo a Torrente 5.

Para min, a inauguración do festival fíxose curta. Despois empezou a esmorga, pero iso é outra historia.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s