A un paso

B25

Ourense é unha provincia moderna. De feito, estráñame que non sexa trending topic en Twitter. Seguro que cada día #Ourense é unha das referencias máis citadas pola empresa do paxaro azul. Que por certo non debemos confundir con esa outra empresa do paxaro azul que gañou nas últimas eleccións en 86 concellos de 92. Sobre todo non debemos confundila porque o PP non é unha empresa, é un partido político, que isto é moito máis.

Pero non debemos desviarnos, o caso é que a nosa provincia é moderna. Que se pon de moda en Madrid de repente ter alcaldes imputados? Pois nós temos alcaldes imputados. Que imputan concelleiros? Nós imputamos concelleiros. Que en Madrid estaban pendentes da prima de risco? Pois nós tamén estamos pendentes da prima de risco, que quen che di a ti que mañá non tes que ir a Urxencias.

Por iso é perfectamente comprensible que Pachi Vázquez, aínda que estea imputado, se presente a candidato. É a moda. E, claro, comprendo que por isto das modas o PP ourensán non saiba que candidato poñer en Ourense. Atópase cun problema grande. Segue as modas presentando un imputado, ou polo menos alguén que poidan imputar, ou prefire ir ao seguro e agardar que goberne. Podería ter moitos prometedores candidatos.

No único que non podemos compararnos é no de Catalunya, porque aquí non temos unha familia como a de Pujol. De feito non se me ocorrería un caso comparable de nepotismo, de utilización do poder político como aquel.

Prodúceme preocupación o da imputación da Infanta. Sobre todo porque aquí non temos Infanta. Alguén dirá que Ourense non é un reino; aínda que estamos dando pasos. A provincia ten un himno, un presidente hereditario, unha muller con sorte, unha Real Banda, unha corte real… De aquí a que nos independicemos, un paso.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s