*ARTIGO PUBLICADO EN ‘LA VOZ DE GALICIA’ O 9 DE MARZO DE 2013 E QUE CÓMPRE RESCATAR ESTES DÍAS Á VISTA DOS ESCÁNDALOS DE CORRUPCIÓN QUE ESTÁN A ASOLAR O NOSO PAÍS.
Hai uns anos, unha muller que non volvín ver faloume do termo Tangentopoli, que se empregaba en Italia para referirse aos casos de corrupción que estaban asolando o país. Aquel día souben no máis íntimo que as cousas mudarían na nosa xeografía cando toda a podredume comezase a saír á luz.
En Italia iniciárase no ano 1992 unha investigación que descubrira que os principais partidos políticos e persoeiros do país formaban parte dunha extensa rede de corrupción que, coma unha tea de araña, chegaba a cubrir toda a sociedade italiana. Como dixen, chamárona Tangentopoli, suborno. E nela incluíronse políticos de esquerdas, de dereitas e de centro, e as investigacións foron descubrindo que toda a sociedade italiana sufría dese andazo, en todas as institucións, en todos os colectivos imaxinados. Daquela en Italia, unha minoría da sociedade reclamara no deserto un rearme social, un rearme ético pero sen éxito. Como aquí, agora.
Cos últimos casos que están saíndo de corrupción, de imputacións e de malas praxes duns e doutros, e cos que aínda quedan por agromar, comezamos a tomar conciencia de que, vinte anos despois, Ourense é un exemplo do que foi este país e das condutas que fixeron fortuna e que nos levaron á ruína económica e social. Tangentopoli xa é unha palabra que sen sabelo forma parte do noso vocabulario.
Aínda agora a sociedade síntese dubitativa, aínda agora, como indicaba a pensadora Victoria Camps, precisamos un clima moral e ético que valore a quen cumpre fronte aos que non cumpren, que valore os que respectan aos demais fronte aos que se limitan na súa vida e nos seus desempeños profesionais a aproveitarse.
Pero xa imos polo bo camiño. Por primeira vez en moito tempo tomamos conciencia de que hai condutas que non poden ser. Porque a realidade que vivimos non é máis ca un síntoma da crise que estamos vivindo.