O ébola como metáfora dos problemas sen solución do noso país. Reflexo dunha indiferenza xeralizada que non respecta o cidadán. Si, que parte dos políticos, pero no día a día non son eles os que a executan. Dende Allariz e Amoeiro ata Xunqueira de Ambía ou de Espadañedo. Simples exemplos. E coma eses, os 92 concellos que forman a nosa provincia.
E despois de ver a nosa historia chego á conclusión de que a indiferenza é o ébola da nosa sociedade. Unha indiferenza que se contraxia e que se propaga con moitísima facilidade.
Nun mundo de xerentes irresponsables, que reciben premios á conta do sufrimento alleo, estas actitudes fan fortuna. Despois de estar máis de media hora falando cunha amiga, Susana, que foi a Urxencias, onde primeiro lle comentaron que non tiña nada, pero despois tivérona que ingresar e durante quince días foi tratada por médicos diferentes que se pasaron a pelota ata que lle dixeron que a tiñan que operar, podo velo claro. Como claro era o que ela viu, pasillos de Urxencias ateigados de xente mentres en planta había camas e camas libres. Pero isto en Ourense sábeo todo mundo. Pero calan.
O silencio, a indiferenza, o noso ébola. Xustamente o que nos está consumindo. Lentamente.
Nun mundo de egos inmensos, de papanatas mal informados ou, peor, desinformados esta enfermidade medra e faise forte. Así tamén, despois de estar moito tempo falando cun amigo, Modesto, que denunciou o secuestro da súa nai, da que durante máis de catro meses non soubo ren, e que tivo que aturar por riba como a xente se comportaba como se a vida da súa nai non importase nada, téñoo claro.
Susana e Modesto viven en Ourense. E aquí non temos ébola, nin tampouco tarxetas negras como en Bankia. Aquí vive feliz a indiferenza. E, o que é peor, contra esta enfermidade non hai vacuna.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 18 de outubro de 2014