Un pode pasear por Ourense e comprender. Comprender e non comprender o sentido da vida. Rexeitar, aceptar e finalmente renegar. Así son os itinerarios vitais, históricos, persoais. E xusto nese intre no que remata a rúa do Paseo, cortando cara abaixo pola rúa da Cruz Vermella, á esquerda, atopamos agochada entre as árbores unha estatua, o único monumento na cidade ao Padre Feijoo.
Efectivamente, non atoparía mellor metáfora do que é Feijoo na nosa cultura, na nosa sociedade, que esa da súa estatua agochada por árbores que concelleiros e alcades de Ourense de todas as razas esqueceron podar. Tamén nos agasalla con outra gran metáfora sobre o que é o noso mestre beneditino ourensán e universal a Revista Galega de Teatro, que lle pon ó seu blog de crítica teatral o título da obra que inmortalizou o Padre Feijoo, Teatro crítico universal, sen saber que esta colección de ensaios e reflexións fala de moitísimas cousas, pero dende logo non di unha soa palabra sobre teatro.
Así, comprobaremos en calquera conversa onde saia o tema que a maioría dos cidadáns non coñecen apenas a Feijoo. E a maioría tamén dos que se chaman intelectuais nin se molestaron en lelo, actuando como eses “eruditos a la violeta” dos que falaba Cadalso, ou sexa, aparentando coñecelo sen saber nada del.
O Padre Feijoo, ourensán e ovetense, alaricano nacido en Casdemiro, Pereiro de Aguiar, tentou cos seus escritos mudar a sociedade, e as súas doenzas. Loitou coa súa pluma contra unha sociedade tan idiotizada coma a actual, digna herdeira. Criticou e expuxo o que considerou que estaba mal, o que debería mudar. A cambio, recibiu insultos e meteuse en polémicas nas que foi vilipendiado. Pero el xa o sabía. Como sinala no prólogo, os autores que escriben para cambiar as cousas, para “desterrar preocupacións comúns”, deben saber que o público recibirá as súas opinións con desagrado.
No fondo, ese era o labor dos pensadores ilustrados e da Ilustración, tentar modernizar, tentar mellorar o país. Así o quixeron Cadalso, Jovellanos, Feijoo, Sarmiento… Este último publicou un libro en defensa do “teatro crítico” e do seu mestre, e foi recibido con tanta agresividade que esta foi a razón de que non volvera publicar en vida.
Habería moito que dicir de todos eles. Eu agora só pido un par de cousas. Que alguén pode as árbores que non deixan ver a estatua do Padre Feijoo, e que se cree en Ourense unha cátedra universitaria que leve o seu nome, como a que existe en Oviedo. Que se lea a Feijoo sería pedir demasiado porque se fose así as cousas serían doutra maneira, como serían incontables as homenaxes que recibiría Feijoo, un cidadán libre da república das letras.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 11 de outubro de 2014