Nestes tempos esta cualidade, a sensatez, que de seguro algún día defendeu e definiu Teofastro, é máis difícil de atopar que a pedra filosofal. E o espectáculo desta semana no pleno municipal non é máis ca outro reflexo deste despropósito.
Concordo co alcalde en que non se poden aceptar insultos, fallas de respecto, berros, coma se a condición do xogo político fose igual á dunha pelexa de rúa. Coido que se os nosos políticos estivesen máis formados, ou sinxelamente fosen máis responsables, a metade das leas non se terían producido. Non por eles, senón polo que din representar.
Pero tamén teño clarísimo que no único sitio onde non pode estar a forza pública é no lugar onde reside a soberanía dunha colectividade, dunha sociedade. En ningún suposto a policía pode botar un representante político. En ningún suposto. Xa sexa a Jácome en Ourense, a Beiras en Santiago ou a Otegi en Vitoria. Ou cremos na democracia ou non cremos. Ou xogamos ou non xogamos.
Si que é certo que un ten a sensación de que se volveu tan áspera, tan aceda a nosa vida política que xa non hai medida: insultos persoais inaceptables como o de borderline, desprezos e soberbias varias, xuíces que imputan ou desimputan a capricho, políticos imputados que non dimiten; e politización da xudicatura e xudicialización da política… Un desastre.
Eu non quería falar disto. Quería contar que se descubrira en India o parasito social máis antigo, algo que por certo me lembrou a Baltar e as súas cacicadas. E tamén quería falar do comezo do FITO, do festival de teatro. E homenaxear a Carles Santos e a unha cultura como a catalá que está cronoloxicamente setenta anos máis avanzada que a nosa.
E, infelizmente, teño que falar de sensatez. Eu que teño de sensato o que teñen Jácome e Agustín de políticos, se se puidese comparar.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 4 de outubro de 2014