José Luis Baltar, “ese hombre”

1336236148_992427_1336237252_noticia_normal

Falar de Baltar é falar de Ourense. El encarna como case ningún outro persoeiro a nosa historia. Si, estaba don Celidonio, pero a xente non le e non sabe quen é. Baltar si, é o noso heroe. The one and only, como din os modernos. Unha figura digna das nosas xentes. Os franceses teñen a Jeanne d’Arc, a Xoana de Arco; os británicos, a Oliver Cromwell; os italianos, a Garibaldi; e os americanos, a Kennedy. Nós temos a Baltar, José Luis Baltar.

Durante máis de vinte anos, foi el quen dirixiu o futuro da nosa provincia. Foi el quen foi distribuíndo o diñeiro público dos nosos cidadáns. Baltar, ese home, repartiu durante un cuarto de século máis de dez mil millóns de pesetas ao ano a capricho. E sempre o fixo coas ideas moi claras. Sabémolo todos. “Está feito”, eran as súas palabras, a xeito de salmodia de santo cristián. O noso santo repartía diñeiro na provincia e na cidade, con xenerosidade sen fin, case coma se o diñeiro non fose seu.

E non era seu. Era de todos nós, aínda que el, non o digo eu, senón unha sentenza xudicial de 43 páxinas, repartíao entre os seus. Gustaríame saber como se pode prevaricar sen cometer un delito de tráfico de influencias, sen cometer falsedade en documento público, sen cometer malversación, todos penados con cárcere.

Pero debemos recoñecelo, a provincia non sería o mesmo sen el. Seguro. E deamos grazas a Baltar por deixarnos o seu fillo en herdanza. O futuro da provincia non sería o que é se non fose por el. Por eles, máis ben. Como en Catalunya con Pujol, pai, fillo e espírito santo.

Agardo que eses resentidos que critican o honorable Pujol, non critiquen a Baltar. Este foi condenado e aquel non. Agardo que eses nove anos de inhabilitación por prevaricar non fagan que Baltar non poida gozar do seu patrimonio por todos coñecido. E menos aínda que o seu partido, o Partido Popular, lle pase factura. Non sería xusto. Se non lle pasan factura a Fabra ou a Matas, por que razón poden facelo co bo cacique, como lle gustaba definirse a el?

Baltar é historia viva da nosa provincia, e pensar que Baltar é un sinvergonza, sería pensar que a nosa sociedade tamén o é. Seguro que o espello nos responde francamente.

*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 2 de agosto de 2014

Advertisements