Ourense é un pozo. Esta frase resoa nas nosas cabezas dende nenos e gaña intensidade cando a calor do verán nos abafa. Un pozo. Ou unha poza. Aquí non hai problemas de xénero. A idea é a que é.
O caso é que este pozo, ademais de ser caluroso e escuro, é revirado e un pouco chungo. Como unha estraña celda medieval, desas que aparecen en Guantánamo ou en Xogo de Tronos.
E da poza ou do pozo abrollan as palabras explicando a realidade. Nós sabemos que é por mor das delicadas sinerxías da auga. Dunha auga especial. Curativa, sanadora, creativa. O pozo ourensán é o pozo dos desexos.
Ese pozo, vaso comunicante entre o inframundo e o mundo que vemos, é simbolicamente real na contorna do Miño. Nela, as olladas audaces conseguen descubrir os seres máxicos que, con moita delicadeza e discreción, se camuflan entre as persistentes labazadas de realidade.
Cultura e coñecemento, os xenios das sociedades avanzadas móvense no escuro, intuíndo as ameazas dunha época perversa como a nosa, que fai que o pozo sexa máis fondo e a sabedoría se torne máis feble.
Pero o saber, que é moi sabio, está afeito a sortear os toques de abatimento e non claudica facilmente.
Consciente disto, a mediocridade, receosa do perigo que supón o pozo, tende a tapalo cunha cuberta de ferro ou de madeira. Disque para protexer a auga interna das impurezas externas, mais a min dáme que o fai para evitar que calquera cousa cambie. Ou se cadra é só para non escachar a rir, como aquela escrava tracia cando viu a Tales de Mileto, absorto na contemplación dos astros, caer nun pozo.
En todo caso, máis dun debería pasarse, e non só pasearse, por Ourense para comezar a entender a realidade galega. Con todo, sexamos realistas e descartemos que os políticos e os necios poidan comprender, porque eles, cando co dedo sinalamos a Lúa, fican apampados mirando para o dedo.
Pero é cuestión de eleccións, é cuestión de tempo.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 26 de xullo de 2014