Por un puñado de dólares foi a película que consagrou o spaghetti western como subxénero cinematográfico. Esta película do director Sergio Leone lembraranos para sempre na historia do cine a Clint Eastwood vestido con ese poncho mexicano mentres soa un Morricone máis sesenteiro ca nunca. Posiblemente foi esta unha das películas que homenaxeou Tarantino no seu Django Unchanged.
A historia está ambientada nun pobo onde só podemos atopar caraduras e viúvas. Nel, dúas familias dispútanse o poder. O mercenario Clint Eastwood aprovéitase de todos os bandos e gaña pasta a conta deles.
E non sei por que, imaxino o guión desta película en Ourense. Pero esta cidade, esta provincia, é tan prolífica e inverosímil que ata un mal guionista podería conseguir sacar dúas boas historias.
Nunha delas imaxino un home baixo, vestido con poncho e chapeu, que descende do seu coche oficial e pasea polo medio do Progreso á altura da Deputación, silencioso e sen coches, coas mans nos petos, ameazantes, para enfrontarse a todos eses que pretenden que devolva dez millóns de euros que malversou. Por un puñado de euros titularíase a película, e neste caso, acabaría gastando os cartos da provincia en defenderse.
Na outra historia imaxino un tipo alto, tamén con poncho e chapeu, que curiosamente baixaría dun coche oficial e chegaría a unha gran praza, inclinada e coa xente agochada en silencio. Entrementres, o home alto, coas mans nos revólveres preparábase ameazante para enfrontarse aos que pretenden que bote os 41 enchufados. Neste caso, chamaríase a película Por un puñado de contratos, e acabaría gastando os cartos da cidade en defenderse.
O que terían en común estas dúas historias é que estarían personificadas por dous calvos, un alto e un baixo, que fan o que lles peta e que se saltan a lei como se isto fose o salvaxe Oeste.
Pero non é así. Isto é peor, isto é Ourense.
*Publicado en La Voz de Galicia o 19 de xullo de 2014