Ourense é unha cidade, unha provincia, que sempre gaña. Si, e tamén, que sempre perde. Coma se fose un Mundial, estamos nunha competición permanente. O problema é que Ourense é tan cabrita, ou tan cainita, que sempre compite contra si mesma, e por iso perde sempre. Na nosa realidade, gañar e perder e o bo e o malo altérnanse absurdamente.
No día a día respiramos este clima, esta sensación. Porque, a ver, facer un parking no centro de Ourense pode ser bo, pero que funcione sen licencia é obxectivamente malo. Se isto pasa durante máis de trinta anos, entón non é malo, é esperpéntico. Afortunadamente, a concelleira de Urbanismo xa está enriba do tema. Isto tamén é bo, pero que encargue aos avogados municipais unha querela, é malo, salvo que o pague do seu peto, claro. Que a este paso, acabará denunciando a anterior concelleira de Urbanismo por non ter feito nada. Que isto sería tamén bo, aínda que tendo en conta que era ela mesma, xa non sería nin malo; sería sinxelamente esperpéntico.
Si, Ourense, como eses malos xogadores, segue facéndose trampas a si mesma. Noutro exemplo inventado, que se abra unha cafetaría no centro de Ourense ao lado do Hotel San Martín é bo, que esa cafetaría non teña licencia, é malo. Que por riba pague un mínimo canon, é esperpéntico. Como para querelarse contra a concelleira de Urbanismo.
Se por riba a historia da cafetaría ten algo que ver con Baltar, pois xa temos a guinda. Pero isto non é nin bo nin malo. É o normal. This is Ourense, como dicía aquel.
Eu, como xa coñezo o xénero desta cidade, cada vez que vexo unha noticia fágome cruces. Tanto ten que sexa sobre recusacións xudiciais, sobre política municipal ou sobre o futuro, por non decir o pasado, do Club Deportivo Ourense.
Con tanta falcatruada, menos mal que nos queda Portugal. Somos fronteira.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 12 de xullo de 2014