Es gibt noch Richter in Berlin! Esa foi a frase que lle roubei a un amigo e que define moi ben esta semana en Ourense. Federico II, rei de Prusia, ocupaba unha das súas residencias favoritas en Sanssouci, Potsdam, onde un granxeiro tiña un muíño que, segundo o rei, afeáballe a vista. Así, mandouno destruír e o granxeiro quedou sen muíño. Malia todo, o home humilde recorreu á xustiza, que finalmente lle acabou dando a razón obrigando ao rei a reconstruír o muíño e indemnizar o granxeiro. Fascinado e orgulloso, o rei ilustrado dixo: “Aínda hai xuíces en Berlín!”. Dende aquela, esta frase encarna o ideal de xustiza nunha democracia.
E estes días, vendo o bochornoso espectáculo do xuízo a Baltar, non puiden por menos que evocar esta frase e agardar se Ourense pode ser, ou non ser, Berlín; se en Ourense faremos, ou non faremos, xustiza.
Produce vergoña o espectáculo, produce tristeza a realidade. Durante esta semana, foron paseando polo tribunal unha chea de testemuñas das cacicadas, das contratacións e do funcionamento por riba da lei do que era o político máis importante da nosa provincia. Diariamente, alcaldes, parentes, funcionarios e políticos diversos, traidores e leais, declararon sen ningún tipo de rubor que se saltaban a lei, que incumprían os principios básicos da nosa democracia ás ordes do presidente da Deputación, e no seu beneficio, claro está.
El, fachendoso e poida que millonario, aguantaba o tipo. Ao fin e ao cabo, Baltar sabe que a sociedade ourensá, de todas as ideoloxías, durante máis de vinte anos mirou para outro lado. Tangentópolis, chamáronlle os italianos. Degradación social, podemos dicir nós.
Entrementres, un coche de alta gama agardaba por Baltar cada día. O chofer, vestido cunha camisa de autos González, e cunha faciana retranqueira ollaba tranquilamente a escena.
O tempo dirá se hai xuíces en Ourense, o tempo dirá se para a nosa democracia será xa demasiado tarde.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 5 de xullo de 2014