Non pasa nada por ser gay. Como contan Puyol e Ordinas no espectáculo Venidos a menos, que seguro que en menos de dez anos chega a Ourense, non ten nada de malo. Hai que asumilo. É como ser do Madrid ou como facer a pegada de carteis en Ourense para unhas europeas.
Sexamos sinceros, o de ser gay, vale, o de ser do Madrid, en fin… pero o de pegar carteis en Ourense para unhas eleccións europeas é moi chungo. Sobre todo porque entre coña e coña non hai ningún ourensán nas listas, ou ningún que pinte algo. Hai catro e van de 15, 25, 27 e 37. Como consecuencia, a pegada no parque de San Lázaro foi un pouco sosa, un pouco como a sociedade ourensá.
Aparecían uns tíos inquietantes que levaban a imaxe de Pablo Iglesias, que sae nun vídeo falando con desprezo do que el chama lumpen e clase baixa, e cun eslogan tamén inquietante, pero moi castizo. Podemos.
Despois aparecían outros, o PSOE, celebrando a unha señora que no cartel se amosa cun rostro… incorruptible. Tipo portada de Elle, e no que se lle ven claramente todos os seus estudos.
Nada que ver co PP, que aclamaba a Baltar II coma se fose Cañete, ou, mellor dito, que aclamaba o cartel de Cañete coma se fose Baltar II en Avatar.
Tamén estaban os partidos nacionalistas, os nosos, pero divididos. Por un lado está a candidata que elixiu Beiras hai pouco, Lidia Senra, e a que elixiu Beiras hai moito, Ana Miranda. E, claro, como os de EU van coa nova de Beiras, todo tivo menos graza.
Curiosamente, os de CXG estaban por alí, globalizados, aínda que botei de menos máis compromiso por Ourense, e alguén apoiando a falanxe ou o Partido Animalista ou a Confederación Pirata. Mesmo algún chalado que levase camisetas de Elpidio Silva.
Visto o visto desta noite de pegadas, o que nos queda aos ourensáns é despegar carteis. Pero haberá tempo.
*Publicado en La Voz de Galicia o 10 de maio de 2014