De don Emilio Atrio e a avogacía ourensá

_IGP7576

Vimos de coñecer na cidade o falecemento de don Emilio Atrio, un deses homes que sempre formará parte da mitoloxía da avogacía, do mundo do dereito na cidade.

Cando eu, con 23 anos, empecei a exercer da man de Nemesio Barxa, Emilo Atrio era un deses avogados que, como o propio Nemesio, deixara pegada. Decano por antonomasia, membro elixido do Consello Xeral da Avogacía Española, o seu xeito de enfrontarse aos problemas, a súa defensa da condición de avogado eran ben coñecidas por todos os que, directa ou indirectamente, formaban parte deste mundo.

Aínda podo lembrar un xuízo onde Nemesio e Atrio compartiron estrados nun xulgado do penal para amosarme o talento dunha profesión que eu, como un avogado recén chegado, apenas era quen de comprender.

E a pesar disto, o meu amigo Miguel Besteiro, outro gran avogado ao que admiro, falábame de que eu xa non coñecera o espléndido avogado que fora don Emilio Atrio. Miguel contábame da súa finura xurídica, da súa intuición e, por suposto, da súa capacidade de traballo. Era o primeiro en chegar ao despacho e o último en irse, unha lección que moitos dos avogados que comezan na profesión deberían ter presente para despois, de ser o caso, comparar. Tamén, debemos recoñecelo, o seu xenio, o seu carácter, era ben coñecido, era lexendario.

Bótase de menos nos tempos actuais esa lealdade á condición de avogado, ese respecto como Decano, como máximo exponente dunha profesión como a de avogado que vai máis aló dos textos xurídicos, das propias normas para encarnar os ideais que eu puiden admirar en homes como Manolo Cortiñas ou en avogados que forman parte da historia como o propio Ángel Ossorio.

Agardemos que moitos saiban aprender de Emilio Atrio o mellor que ofreceu ao exercicio da avogacía e o mellor que ofreceu como representante do colectivo, ratificando aqueles versos do Cantar del Mio Cid ou da Chanson de Roland, “Que buen vasallo sería si tuviese buen señor”. Aquí fican estas palabras, na súa lembranza.

*Publicado en La Voz de Galicia o 3 de maio de 2014

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s