Hai cousas que nos resultan estrañas. Afeitos a unha realidade, cando algo cambia non podemos evitar unha certa sensación de sorpresa. De sorpresa e tamén de incomodidade. Por iso agradezo os esforzos que están facendo os políticos e os que nos gobernan para que nos sintamos tranquilos.
Porque, a ver, a min o que me parecería raro sería que detivesen a Esperanza Aguirre por darse á fuga e tirar unha moto da policía. Os atentados á autoridade e as detencións non son para esta xente. A policía ten que facer o que ten que facer, e se multan a ese que perdeu unha perna porque, mentres probaba a prótese, tiña o coche coa tarxeta de minusválidos á porta da ortopedia, por algo será. Non esperemos humanidade, para el, claro.
Tamén me parecería raro que, coa polémica polo trazado da autovía A-76 entre Ponferrada e Ourense, os concellos cumprisen a lei e os alcaldes e a Deputación informase aos seus veciños. O normal é o que sempre foi, que os amigos dos que mandan se beneficien e o resto que espabile. A esta atroz e feliz normalidade contribúen un rapeiro condenado por enaltecer o terrorismo, a Casa Real e os seus privilexios, e ese simpático maxistrado da Audiencia Nacional, Guevara, adurmiñado en Sala.
Afortunadamente, no Concello de Ourense todo segue igual mentres fan todo o posible para que normalidade e anormalidade convivan tranquilamente… Unha que lle dá información reservada aos xornalistas saltándose a lei, outra que se cabrea, outro que a quere botar e manda á policía. E os demais indignándose finxida ou sinceramente. Este é o retrato da nosa clase política, dos nosos gobernantes. Pedirlles responsabilidade é moito, e do demais xa mellor non falar. O que nos queda é unha foto para a posteridade, “y mucha, mucha policía. Mucha, mucha policía.”
*Publicado en La Voz de Galicia o 5 de abril de 2014