P de párking ou p de Paseo, p de precinto ou p de Pokemon, p de PXOM, p de partidos, e p de PP.
Pero se queremos comprobar o estado de saúde da cidade, só se precisa acudir ao pleno do Concello. Se gravásemos os seus debates, comprenderiamos a época que vivimos e a razón pola que un párking, o párking do Paseo, pode funcionar sen licenza durante máis de trinta anos sen que ninguén faga nada, e ficariamos abraiados ao ver como PP e PSOE frenan a proposta de Democracia Ourensana para precintalo.
Poida que algúns critiquen a DO polas formas, terán razón. Poida que tamén os critiquen por pagarse a si mesmos o uso do seu canal privado de televisión, con todo o morro. Pero a realidade é que están poñendo as vergoñas de moitos enriba da mesa.
Porque calquera que teña un pouco de sentido pode preguntarse por que razón a concesión da O.R.A. segue funcionando e por que os partidos maioritarios nin tan sequera suspenden ou investigan o seu funcionamento, que castiga con multas de 90 euros a falla de tíckets de 40 céntimos.
Pero para iso temos a Pokemon, e tamén para escandalizar por unha operación que debería poñer colorados a todos os políticos que nela están citados.
Pero se queremos comprobar a deriva da nosa política, a miseria dos nosos tempos, só precisamos abrir un buzón e coller un libelo que mandou o Partido Popular criticando o PXOM. Máis aló da concelleira de Urbanismo, que en fin, e máis aló do PXOM, que xa veremos, ten graza que un partido que gobernou case en solitario o atraso socio-económico das últimas décadas, entre excesos urbanísticos en rúas e concellos, e que aprobou un PXOM anulado gaste o diñeiro de todos en facer panfletos.
Para algúns, a isto se reduce a política de Ourense, a panfletos.
*Publicado en La Voz de Galicia o 8 de febreiro de 2014