Ourense xa está de Entroido. Este ano adiantouse. Será por isto da crise que os nosos políticos son tan sensibles que ata se preocupan por eses detalles. A Deputación di que é normal perder máis dun millón de euros por irregularidades. E estou de acordo, como en Ourense somos ricos, a ninguén lle importa tirar o diñeiro.
Tamén me parece normal o debate construtivo que xurdiu, en interese dos cidadáns de Ourense, dentro do PSOE. Debate de ideas, debate de propostas e de modelo social para a cidade. Por iso non comprendo que algúns malpensados crean que a única diferenza entre paquistas e pachistas é o cu, a letra q; eu penso que están equivocados, seguro que hai moito máis.
Por iso valoro que o noso alcalde lle diga a Pachi Vázquez que poña interese en resolver o conflito. Pero non era necesario. Todos sabemos que Pachi é unha persoa interesada, e por ese lado non hai fallo. Ademais, hai cousas que non se pagan nin cun rólex de ouro.
Tamén me sinto conmovido pola actuación do PSOE galego, e merece unha especial mención Besteiro, o Baltar de Lugo, aínda que pareza sobreactuado.
Eu reclamaría ademais que os cinco edís suspendidos, que non incompetentes, salvo un, porque seguen tendo todos competencias, manteñan o pulso ao alcalde polo ben dos ourensáns ata que chegue o ciclo oficial do noso Entroido. Para non aburrirnos.
O que valoro máis como cidadán é que dúas edís suspendidas sigan tendo dedicación exclusiva, porque eu por menos de dez millóns ao ano non monto este circo, e con dedicación parcial non tería tanta graza.
Así vivimos o comezo das nosas festas mentres descubro que Ourense mellorou en delincuencia e sinistralidade, aumentándoa. Só falta o circo da Pokemon e a mascarada da Infanta. Ou era ao revés? En fin, isto é o Entroido.
*Publicado en La Voz de Galicia o 1 de febreiro de 2014