No país dos mil poetas, eu non quero poetas. Eu quero xuíces como os que reclamaba Shylock no Mercader de Venecia de Shakespeare, eses aos que non hai que explicarlles que a muller do César ten que parecer honesta, ademais de selo, claro, eses que non actúan a capricho e irresponsablemente.
No país dos mil poetas, eu quero políticos como Tierno Galván ou Xerardo Estévez, e alcaldes como Azkuna; ou políticos como Azkuna e alcaldes como Tierno Galván ou Xerardo Estévez. Non quero deputados ou senadores que sesteen en Madrid a golpe de dietas mentres a provincia esmorece. Tampouco quero deputados autonómicos que se dediquen a viaxar de Ourense a Santiago e de Santiago a Ourense sen facer absolutamente nada; nin quero alcaldes nas vilas que parecen señores feudais, con castelo e tropa, como hai mil anos, e por veces con dereito de pernada.
No país dos mil poetas eu quero avogados como Ángel Ossorio, xornalistas como Kapuscinski, profesores como Machado. E tamén quero escritores. Como Kafka e Blanco Amor, como Cortázar e Harold Pinter, ou como Curros.
No país dos mil poetas eu quero unha democracia vizosa como a francesa, unha sociedade civil viva como a alemana e uns representantes públicos que valoren o colectivo por riba do particular, que non se contraten a si mesmos horas de televisión, nin poñan de asesores a amigos e parentes. Eu quero unha cidade, unha provincia e un país onde ser un sinvergonza como xuíz ou como político, como avogado ou xornalista, non sexa tan barato. Para quedarme para sempre cando a atope.
No país dos mil poetas, entrementres, nace a primavera, e o Facebook e o Plan E mesturan ficción e realidade facendo depender de vaidades e bobadas o futuro. No país dos mil poetas…
*Publicado en La Voz de Galicia o 23 de marzo de 2014