Dicir que twitter é literatura é como dicir que a política de Ourense é política. Pero temos que recoñecer que a realidade sempre se impón.
E nesta realidade deben ser os nosos representantes aínda que parecen os deles, dos partidos, os que han de estar á altura das súas obrigas.
Do Alcalde a Rosendo, de Somoza a Jácome, os 27 edís terán que amosar que están por riba dos intereses persoais. Pero xa veremos o que pasa.
O que vivimos na cidade é tan incríbel que seguro que ningún escritor podería ter imaxinado nin de lonxe semellante quebracabezas político.
Eran todos felices! O PSOE gobernaba cun alcalde que fora candidato de rebote e os do BNG tiñan alcalde propio, ou impropio segundo se mire.
Botábase de menos xa daquela unha certa altura de miras. Agora, tamén se bota, aínda que o problema é que os xuíces tamén xogan a este xogo.
E así transcorre o tempo e a crise vai avanzando na cidade, nos comercios baleiros, no ánimo das xentes, nas rúas cada vez máis despoboadas.
Se paramos un momento de ler o xornal, erguemos a vista e miramos ao redor poderemos recoñecer nas xentes unha certa sensación de desamparo.
E Ourense, a nosa cidade e a nosa provincia, semella terse empobrecido; non nos números, que tamén, senón na perspectiva negativa de futuro.
Deberían lembralo uns e outros cando se dedican a xogar co noso diñeiro sen pensar como se fosen vivir para sempre, como se fosen especiais.
Con todo, eu quería falar de literaturas, de twitter e dos novos xeitos de contar historias, porén véxome escribindo destas cousas mundanas.
Pero poida que esta sexa a función dunha columna, denunciar, e non perder o tempo con tweets, como se o mundo se reducise a 140 caracteres.
*Publicado en La Voz de Galicia o 15 de marzo de 2014