Cartas para a noite de reis

cartas_good_day

Chegan os reis e comeza o novo ano. As alegrías deixan paso á tristeza e abrollan a cada momento soños novos e vellos tentándose facer reais. Así se move a roda da vida, así por cidades e aldeas notamos nestas datas ventos novos. E non son de cicloxéneses explosivas, precisamente, senón de correntes positivas.

En todo caso, con vontade sincera, pretendo desexarlle a toda a xente o mellor para o 2014. Seino, só os reis magos, e Facenda, poden saber das nosas verdadeiras intencións, pero esta mañá atopei perto de Correos as cartas enviadas polos cidadáns da provincia e reafirmeime e comprendín eses desexos compartidos por todos: non padecer enfermidades, traballo para os fillos e traballo para os pais, diñeiro abondo para pagar os incrementos das peaxes, do gas, da electricidade e diñeiro para o máis importante: o tabaco e o alcohol, claro.

Pero nese saco de cartas atopado en Correos encontrei historias diferentes das normais e imposibles de comprender para min. Claro, eran cartas de políticos. Na primeira, pedían cordas para atar concelleiros díscolos e insistían no tema da presa. Tamén atopei cartas onde pedían votos e escanos para gobernar concellos en minoría; mesmo chegaban a pedir candidatos para alcaldes e asesores de organizacións, absténdose, iso si, dicía a misiva, persoas normais e preparadas.

En case todas as cartas de políticos atopei ademais sobres pechados modelo Bárcenas, onde se acompañaban billetes de todos os tamaños para convencer os reis. Con certeza, este é o mellor xeito de facerlle comprender á coroa os problemas da xente. Máis aínda cando estes son tres e non teñen intencións de ter barcos nin casas en Pedralbes.

Con todo, son optimista. No ano 2014, só podemos mellorar. Para mostra, este lipograma.

*Publicado en La Voz de Galicia o 4 de xaneiro de 2014

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s