Vivimos tempos complexos. Tempos complexos e de cambio. As democracias e as súas institucións, os Estados e a súa estrutura parecen superados pola realidade. Entrementres, nós, os cidadáns, tentamos comprender. E tentamos tamén adaptarnos. Así, vendo que os modelos non funcionan buscamos outro xeito de resolver os nosos problemas.
E este debeu ser o xeito en que a plataforma Change gañou espazo social. Tentando amosar que asinar unha petición con interese para a cidadanía era sinónimo de activismo real. Na miña opinión, nada máis lonxe.
Change.org é unha páxina de internet que se define como a maior plataforma de peticións do mundo e que lle cobra ás organizacións por dar máis ou menos visibilidade ás demandas duns e doutros. A única vantaxe é que desta forma os cidadáns podemos pensar que estamos a facer algo de proveito, sen necesidade de ir votar e sen necesidade de esforzo ningún ou de manchar as mans.
O bo é comprobar como a provincia de Ourense aparece tamén nesta plataforma mundial e con peticións do máis diversas. Dende a de que non se suprima a liña férrea entre as localidades de Sanabria e Ourense, con 208 sinaturas, ata os que reclaman que volva cirurxía pediátrica a Ourense, con 15.915 signaturas. Pasando tamén polos que piden que se suprima o servizo da O.R.A. na cidade, pobres, con só 73 signaturas, ou os que reclaman que se amañe unha estrada no municipio de Petín, ou que non peche a empresa T-Solar… Con todo, eu quedo coa petición dese cidadán ourensán anónimo que pedía un referendum sobre a monarquía e só conseguiu 6 sinaturas.
Polo de agora, non hai ninguén que pida o indulto para o ex-presidente da Deputación, José Luis Baltar; claro, non foi condenado.
Nin tampouco non hai ninguén que pida que no Concello de Ourense actúen con algo de sentidiño. Pero imaxino que só será unha cuestión de tempo.
*Publicado en La Voz de Galicia o 28 de decembro de 2013.