Domingo fareleiro, xoves de comadres, martes de Entroido… A provincia ferve nos estertores do inverno, anunciando figuradamente a chegada da primavera e dos bos tempos. Non sei se tardaremos en velos, pero de seguro que han chegar.
Para iso serviu sempre o Entroido, para nos animar e nos axudar a levar o noso tempo, os malos momentos e os problemas irresolubles. No franquismo prohibíase o Entroido por principios, polo que era e polo que podía ser. Esta nosa festa non deixaba de ser un cuestionamento da sociedade cínica e parva na que se vivía e onde había que asumir normas sociais que os poderosos non cumprían, pero que esixían con man de ferro aos que só podían obedecer.
Nisto, as cousas mudaron ben pouco, para mostra, a nosa democracia. Pero non paga a pena falar disto. Tampouco paga a pena falar de que o Concello de Ourense ten un presuposto duns cen millóns de euros e a Deputación de setenta e pico. O que suma case trinta mil millóns de pesetas nunha das zonas máis empobrecidas do Estado. Un diñeiro que só serve para que a provincia e a cidade disfracen as súas miserias.
Razón tamén pola que nos gusta tanto o carnaval, porque é un breve tempo onde podemos ser insolentes e cuestionar as cousas que non nos gustan. Ata burlarnos de Urdangarin e da súa señora, e gravalos coma se fosen iguais a todos nós sen que nos deteñan por desobediencia. Fermosa celebración esta do Entroido na que ata os políticos quitan ou poñen a careta.
E fermoso é ver que se está rodando en Ourense A esmorga. Iso si, case trinta anos despois da versión española de José Sacristán, Antonio Ferrandis e José Luis Gómez, pero non levamos máis atraso que no AVE. E que ninguén se escandalice porque esta esmorga teña máis de trescentos mil euros en axudas. Como todos sabemos, o que conta é a festa, e o show debe continuar.
*Artigo publicado en La Voz de Galicia o 2 de marzo de 2014