De patos, patiños e cacicadas

752215

Ourense está en decadencia, está claro. Houbo un tempo en que falar de caciquismo e corrupción era sinónimo de Ourense. Todos sabiamos que para conseguir postos públicos ou algunha boa adxudicación de obras, era necesario saber a quen tocar e como tocar. Como na vida mesma.

O gusto na nosa terra pola corrupción e o caciquismo vén de lonxe. Don Celidonio, personaxe da célebre obra de Vicente Risco, foi o modelo de conduta de moitos alcaldes e políticos provinciais durante moito tempo. Tamén é ben coñecida a expresión “o carallo 29”, consagrada polos políticos ourensáns, mestres nesta técnica que ten a súa orixe no artigo 29 da reforma de 1907 da Lei electoral da Restauración, e que sinalaba que se só se presentaba un candidato a un posto non había nin que facer votación. Eramos os mellores.

Pero agora estamos tan mal que a este paso, cando se celebren outras eleccións municipais, xa non aparecerán nin eses alcaldes que levaban máis de trinta anos gobernando, e que xa estaban co franquismo. E o que é peor, como sigamos así, acabarán por desaparecer esas sagas familiares que herdaban os postos de pais a fillos, mentres a xustiza miraba para outro lado.

Por iso, nesta semana na que saíu á luz a Operación Patos, na que se descubriu, que raro, que había tráfico de influencias en adxudicacións públicas, non puiden deixar de sentir unha certa melancolía. Na Pokemon, organizaban todo dende Lugo e dende Madrid, e agora na Patos, todo dende Vigo e Pontevedra. Que se o Concello de Vigo, que se a Deputación de Pontevedra… E nós, un triste rexistro na Praza Maior. Nada.

De ser o epicentro da corrupción pasamos a ser unha mera comparsa que se limita a pagar o pato. Non vai haber nin que investigar. Ou talvez si, e o que pasa é que non se fai?

*Publicado en La Voz de Galicia o 22 de febreiro de 2014

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s