Prestixio, desprestixio, lexitimidade, legalidade, falsidade… Triste e vergoñenta realidade. Velaquí o noso noticiario semanal, a informe materia coa que se forma a sociedade, coa que se forman os seus políticos e os seus seguidores, os vividores e os embaucadores, os traidores e os detractores, os prestidixitadores e os conseguidores, os perdedores e os gañadores.
Realidade que fai deste país, desta provincia e desta cidade un disparate. De ourensanías ridículas e demais pailanadas. Dunha avogacía do Estado que denuncia a concellos da provincia de Ourense por contratar contra legem, mentres navieiras, políticos mediocres e axencias de seguridade naval fican absoltas e seguras da súa absoluta impunidade. Covardías diversas e miserias morais que fan que a Xunta decida, moi seria, multar con tres mil euros aos que non coiden as fincas, porque así teremos máis cartos para pagar a devastación de petroleiros afundidos e outras gaitas. A idea non é mala.
Con todo, eu son optimista. Porque en Ourense non temos mar e, polo tanto, tampouco Prestige. Por non ter, non temos nada.
E, así, saio feliz á rúa e contemplo o mundo dende unha amable perspectiva. E alégrome de que o concello de Ourense imparta clases de alemán e de chinés para que a xente nova teña unha saída, mesmo dúas. A China e a Alemaña. Para Dinamarca non fai falla porque, a pesar do deputado de Anova e de Hamlet, alí non facemos nada.
Anotación final sobre o que non se debe dicir nun artigo. Non falar de que o fiscal non acuse a infanta Cristina, porque sería un desprestixio. Tampouco falar de que o delegado da Xunta sentou nun Tribunal, porque sería outro desprestixio. Menos aínda falar da infame sentenza do Prestige. Sería, con certeza, unha mágoa.
*Publicado en La Voz de Galicia o 16 de novembro de 2013