Auga seca, noite clara, intelixencia militar… Velaí expresións que van máis aló da propia definición de conceptos que son en si mesmos opostos. Desa mestura nace unha nova expresión. Como aquela que empregaba Jesulín de Ubrique ao comparar todo o que vía no mundo cun touro. Para nós, im prezionante, claro.
E a política provincial xoga sempre nesa ambivalencia semántica. Entre contradicións e obviedades, entre oxímoros e pleonasmos. Que cada un elixa. Falar de transparencia despois de que o teu pai te deixe en herdanza o posto, e non falo aquí da Casa Real, é unha contradición tan grande como falar de democracia de partidos. Pero non é estraño. En Ourense estamos afeitos a isto e a moito máis. Na nosa cidade temos que aturar que Vendex retire vehículos mentres os tribunais investigan se Vendex actuou legal ou ilegalemente na concesión da grúa. Entrementres, iso si, hai que aparcar ben, non vaia ser o demo.
Contradición por contracción, observo estupefacto como na nosa realidade, no noso país de ananos, como dixera Celso Emilio, hai unha figura que destaca por riba de todos. O Alcalde.
Sinónimo de deus, e polo tanto escrito con maiúscula, actúa como se o mundo xirase ao seu redor e coma se nós, os cidadáns, fosemos sinxelamente súbditos. Falar de educación, de respecto, de servizo aos demais é absurdo. E así, día tras día, os 92 deuses dos nosos concellos outorgan prebendas e lanzan castigos a capricho. Por iso, falar de alcades idiotas é un pleonasmo que define moi ben o noso mundo.
Así tamén, a entrevista que un amigo lle facía a un político polo día da constitución reafírmame en que a idiotez non é patrimonio só dos alcaldes. Máis aínda, é un síntoma do noso tempo. Dun tempo cínico que mantivo 27 anos exactos en prisión ao agora adorado Nelson Mandela.
*Publicado en La Voz de Galicia o 7 de decembro de 2013
Dicía Tony Judt nun dos seus últimos libros que os políticos actuais son “políticis light”, que non inspiran entusiasmo nen transmiten convicción ou autoridade. Que están tan convencidos de que pouca cousa poden facer, que pouca cousa fan; eu diría que moitos non fan nada. En resumo, na minha opinión, a ineptitude é a norma. E por desgraza, o que están facendo esta panda é que a xente perda a confianza nas Nosas Institucións, que é o único que temos para rexenerar a Nosa Democracia deturpada.
Os políticos actuais, case sen excepción, son un reflexo perfecto da sociedade idiotizada na que vivimos…