Nós, e o paso do tempo.

Seguidores e conseguidores, prestidixitadores, defraudadores e, por suposto tamén, unha chea de vividores. Personaxes que se agochan na xeografía urbana dunha cidade, dunha provincia que, en imaxes, podemos encontrar estes días pendurados das fotografías que adornan a nosa rúa do Paseo.

As fotografías recollen esa historia cotiá que, como dicía Unamuno, servía de decorado á historia máis visible que se recollerá dentro dun século nos manuais que, seguro, xa non estarán feitos con papel. Esta intrahistoria que se filtra por entre os obxectivos fotográficos, por entre os persoeiros que, malamente, representan a sociedade real.

Fotografías que son espello no que os ourensáns tentarán buscarse e tentarán recoñecerse. Do mesmo xeito que facemos cando algún de nós observa unha vella fotografía gardada nun álbum familiar. Buscamos parecidos, buscamos comprender olladas onde poder atopar esas preguntas que agora non podemos responder.

En calquera sociedade podemos encontrar de todo. E as imaxes, como os libros, proxéctannos, fan de nós personaxes vivos de historias míticas. Eu estaba alí cando pasou o que se conta nesa fotografía ou nese libro. Eu vin ese lume e case queima a casa dun primo meu. Eu estivén no derradeiro concerto dos Suaves, aínda que sabía que quedaban mil máis.

As imaxes non falan dos alumnos mexicanos de comunicación política que viñeron á Deputación de Ourense para estudar, seguro que as boas prácticas de transparencia. Ao fin e ao cabo, en México houbo un partido que estivo case un século seguido gobernando, e terán que modernizarse. Tampouco falarán das fábricas de troitas, nin dos signos de recuperación, nin do PXOM. Madia leva.

Esas fotografías só falan de nós, e do paso do tempo.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s