Por Samaín, a actualidade faise festa e vodevil na nosa cidade. O parlamentario por Ourense de AGE David Calviño decide marchar becado para Dinamarca e comunica a súa marcha. A coalición de partidos da esquerda, adianta que a número dous de Esquerda Unida, desunida, Carmela Iglesias renuncia ao escano para deixar paso á número tres. Pero éte aquí que a número dous di que non, que ela tamén quere ser parlamentaria. Despois de ver o outro día no parlamento español a esa chea de vagos que temos como deputados non agardar para marchar nin a que acabase o reconto, non me estraña.
Todo se lía cando a coalición de partidos decide algo tan impresentable como que David Calviño marche becado para Dinamarca pero coa idea de que virá para votar. Non se me ocorre mellor argumento para facer unha ópera bufa ou unha comedia desas tipo “Ay Carmela” coas que ris a gargalladas.
Claro que tendo un personaxe novo como David o deputado que se vai a Dinamarca, sería máis propio facer un Hamlet. Un hamlet onde Carmela Iglesias podería ser perfectamente Gertrudis, a nai de Hamlet que decide casar co asasino do seu pai. Nunha versión ou noutra, todo acaba mal. Seguro.
Como acabará mal, senón rectifican no CHUO o de pediatría. Se como cidadáns non tomamos nota de todo isto, está claro que o problema non é a prima, se non nós, que somos uns primos.
Por outra parte, esta semana descubrín a Alberto Vilanova, un historiador ourensán e republicano exiliado que impartiu cátedra en Bos Aires e que xa case ninguén lembra. E como a historia se repite, esta semana outro historiador ourensán que imparte maxisterio en Besançon veu presentar, discretamente, un libro sobre a a prensa obreira galega.
A historia repítese, pero vendo que seguimos adiante eu teño esperanza.