Cando o problema é a prima, as empresas deciden facer regulacións, botar traballadores e salvar o que eles consideran relevante. Recibidas as axudas públicas, colleitados os beneficios, o factor humanos e as necesidades da xente pasan a un segundo plano.
Cando o problema é a prima, déixanse de conceder créditos e as hipotecas viven nunha realidade paralela ou para ricos. Como se queira. Unha realidade de grandes cifras que levan por diante os dramas familiares de moitos cantos nos rodean.
Cando o problema é a prima, recórtanse dereitos coa escusa da imposibilidade de manter servizos, coa escusa de que a sociedade que tiñamos non era sustentábel. E si, todos debemos facer autocrítica, sobre todo algúns, porque o que se malgastou na provincia nos últimos anos chega ao absurdo de ter estatuas de políticos corruptos, ou infraestructuras paradas ou farolas leds en calquera concello perdido como se isto fose New York.
A supresión da doctrina Parot non ten que ver coa prima de risco, polo menos, polo de agora. A supresión da doctrina Parot ten que ver coa comprensión da nosa sociedade como unha democracia madura, onde necesariamente se debe superar a venganza do Estado e solucións xurídicas máis propias doutros tempos. Posiblemente moitos non o entenderán, como non entenden as consecuencias da prima de risco ata que a sufren nas súas propias carnes.
Agora estamos experimentando na sanidade en Ourense as consecuencias de deixar en mans de incompetentes a saúde dos nosos fillos. A última hora salváronse as urxencias pediátricas, pero mañá poida que sexa outro servizo. O único é que grazas a isto por fin tomamos conciencia da situación na que nos pode colocar unha simple prima. Unha prima de risco.