Para os que mandan, a presunción de inocencia é tan sagrada, como a virxe do Pilar. Por aclarar, un imputado é alguén contra o que se dirixe un proceso penal. Nun país normal, isto é froito dunha reflexión seria, dunha investigación. Un procesado, porén, é unha persoa contra a que se vai dirixir unha acusación porque hai indicios de que cometeu un delito. Pero isto non significa que sexa condenado. Nun país normal, o procesamento mediante auto xudicial viría do traballo rigoroso dun instructor, que non debería ser nunca unha persoa pública.
Despois chega a acusación, cando se dirixe unha petición de condea contra o procesado. A acusación, nun país normal, nace dunha análise coidada e xuiciosa das circunstancias, para despois debatir nun xuízo sobre a súa inocencia. Todas estas condicións, imputado, procesado e acusado están claras, aínda que na vida social e política, en función de quen sexa a persoa, uns e outros pretendan confundir o que está ben claro.
Evidentemente, aquel que recibe una subvención de Europa para facer algo, e falsifica documentos para quedar coa pasta, é un sinvergonza. Aquí e na China Popular.
Pero deixémonos de literaturas. Eu quería falar dunha obra de teatro de Oscar Wilde que está de actualidade “The importance of being Earnest”, que na tradución galega seguindo o xogo da homofonía sería “A importancia de ser Franco”. E si, semella, vendo ao alcalde de Beade e ás novas xeracións, que algúns pobres idiotas pensan que esta condición, a de ser franco, ten algún futuro na política. Estes personaxes envalentonados polo silencio cómplice dos cachorros da ditadura alardean de franquistas e dun fascismo que xa debería estar superado. Pobres, agora, o democrático PP terá que expulsalos por francos. E mentres non se faga xustiza, algúns preferirán, como Wilde, o lado salvaxe.